NAO

Festival Apocalipse

Festival Apocalipse, derradeiro espectáculo de NAO no seu máximo apoxeo logo de 13 anos de carreira. Novedosa escenografía e iluminación acompañarán a despedida da banda nun repertorio dinámico que combina cancións do seu último LP “AtaQueOLumeSeApague” cos clásicos de sempre. Colaboracións, intermedio acústico, entrañables sorpresas… Produción completa para un set de 1h50m de duración. Facemos uso de todos os nosos recursos segundo a filosofía Apocalipse de despedirse no máis alto.

Esta vai ser a derradeira xira de Nao, comezando en Compostela en decembro de 2018 e rematando na mesma cidade en decembro de 2019. Unha xira que durará exactamente un ano e que servirá como despedida logo de 13 anos na estrada.

Ata que o lume se apague, a última xira

A primeira formación da banda nace da conxunción de músicos con diversa experiencia dentro do rock, o punk e o metal galego: Xenreira, Fusquenlha, M.D.R, Fai Tun Flai ou Indana. En outubro do 2005 dan o seu primeiro concerto no Centro Social a Revolta, en Vigo. Tras a gravación das primeiras maquetas e dunha xira por distintas vilas de Galiza, viaxan cara os estudos Garate, de Euskal Herria, onde darán forma ao seu primeiro disco “As palabras espidas” (2007). A este disco séguenlle cinco máis: “Coas túas mans” (2010), “Cancións de amor e liberdade” (2012), “Cartas no caderno” (2014) e o doble álbum “Soñar” – “Crear” (2016). Cabe destacar que nestes 13 anos a banda sufre cambios na súa formación.

É nese ano, e estando no seu mellor momento, cando a banda anuncia un parón indefinido pero non inmediato. A súa intención era crear unha triloxía final baixo o epígrafe de “Apocalipse NAO”. “Soñar” (2016), “Crear” (2016) foron dous dos tres discos da Apocalipse proxectada polos músicos de NAO, que se verá completada co que será o derradeiro disco baixo o título “Ata que o lume se apague”. Nestes máis de trece anos NAO destacou por ser unha banda cun forte compromiso social, cun dos mellores directos do panorama galego dos últimos tempos e por ser un referente ideóloxico e musical para máis dunha xeración. Os seus concertos caracterízanse por ter unha afluencia masiva de público que corean as letras da banda de comezo a fin.

Achégase a Apocalipse. Que se eleve o lume, que arda.

Formación

Jasper – voz e guitarra
Gus – guitarra
Torroncho – baixo
Amós – batería

Discografía

2007 As palabras espidas
2010 Coas túas mans
2012 Cancións de amor e liberdade
2014 Cartas no caderno
2016 Soñar-Crear
2018 Ata que o lume se apague

Vindeiros concertos de NAO

X